20 feb 2017

LEDICIA COSTAS, COCIÑEIRA DAS LETRAS


Emoción e entusiasmo entre as cativas e cativos de 5º de Primaria o pasado mércores, 15 de febreiro, no encontro con Ledicia Costas.

Despois de botar quince días lendo Escarlatina, a cociñeira defunta, que lle valera á escritora viguesa o Premio Merlín e mais o Premio Nacional de Literatura, o alumnado de 5º tivo a oportunidade de coñecer á súa autora e de preguntarlle e repreguntarlle todas cantas cuestións se lles ocorreu, e damos fe de que non foron poucas... Con enorme paciencia, respecto polos pequenos e toda a humildade do mundo, Ledicia falalloulles aos seus lectores de todo canto quixeron saber e preguntar. E tan ben foi a cousa que moitos andan xa a ler Esmeraldina, a pequena defunta, continuación de Escarlatina.
Non é por casualidade que Costas sexa hoxe a autora que máis vende en literatura galega infantil e xuvenil: as súas obras son magníficas e non adoitan deixar a ninguén indiferente: sirva como exemplo a paixón lectora (en galego!!) que levantou tras de si o paso de Ledicia polo noso centro.




E como non hai festa, mesmo literaria, sen bos manxares, dúas nais elaboraron dúas das receitas que se inclúen no libro - brownie de chocolate e muffins de arandos vermellos- que toda a clase compartiu ao remate do encontro (tamén podemos dar fe da destreza culinaria das nais do noso cole...)
A cousa rematou con Ledicia repartindo sinaturas, bicos e recibindo afervoadas declaracións de fidelidade lectora!


Foto de familia final: o profe Costa, Ledicia, todas as nenas/os e a Escarlatina.

 Para rematar, unha recomendación doutra obra da mesma autora:
 Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta
Que vos preste.

1 comentario:

Birimbao dijo...

Unha grata compaña con moitos sabores: a galego, a entusiasmo pola lectura, a curiosidade, a charla, sorrisos e mesmo ao atrevemento culinario.

Grazas a Ledicia Costas e a oportunidade que nos brindou o equipo da Biblioteca a través de Xose Luís.